Proceso de Unidade Comunista
Quen somos
QUEN SOMOS
O Proceso de Unidade Comunista (PUC) somos unha organización marxista-leninista do Estado español cuxo obxectivo estratéxico é a reagrupación de cadros revolucionarios co obxectivo de contribuír á construción do Partido Comunista, entendendo este como o partido de novo tipo, que sirva de nexo entre o movemento obreiro e a ideoloxía revolucionaria para garantir o éxito da revolución e a construción da ditadura do proletariado como fase intermedia cara ao comunismo.
Queremos iniciar este proceso de unidade baseado en principios sólidos, coñecedores das diferenzas entre as diversas tradicións do movemento comunista do Estado español, pero firmes na convicción de que é posible iniciar unha praxe que supere a unidade de acción e avance cara a unha unidade ideolóxica que permita cimentar as estruturas do futuro partido de vangarda.
A NOSA PROPOSTA
Desde o Proceso de Unidade Comunista (PUC) facemos nosa aquela máxima da «práctica como criterio da verdade», sendo a intervención consciente dentro do movemento obreiro o único campo de acción válido para facer realidade a consigna de fusionar a teoría revolucionaria coas masas.
Nese sentido queremos convidar a todos os destacamentos a superar o estado actual das cousas, animamos a aqueles e aquelas obreiras sen organizar a formar células de intervención no movemento obreiro arredor dun programa que nos axude a avanzar na unidade ideolóxica de todos os cadros revolucionarios do Estado español.
Non queremos ser unha organización comunista máis, non cremos que o Partido Comunista se decrete polo autodesenvolvemento da nosa organización, aspiramos abertamente a disolvernos unha vez creadas as condicións para un Proceso de Unidade Comunista de maior envergadura.
Por iso cremos que debemos comezar este Proceso a partir dunha proposta mínima de principios ideolóxicos e dun programa que xire arredor das organizacións da clase obreira.
OS NOSOS PRINCIPIOS
- Entendemos o marxismo-leninismo vivo, non como unha repetición mecánica de experiencias pasadas nin como unha síntese que cómpre reinventar, senón como unha ferramenta vixente para analizar e transformar a realidade concreta.
- Analizamos o capitalismo na súa fase imperialista, sendo esta a súa fase superior e última, dividindo o mundo en países imperialistas e países oprimidos.
- Consideramos o Estado español un Estado plurinacional imperialista, participando activamente, por vía económica, política e militar, na dominación e no saqueo do resto do mundo ao servizo dos seus monopolios.
- Recoñecemos a centralidade da contradición capital-traballo como motor da historia e protagonista da loita de clases nun Estado imperialista coma o noso. A revolución proletaria non só é posible senón que é historicamente máis necesaria ca nunca.
- Defendemos a proletarización, isto é a clase obreira no centro de todo. É urxente construír a independencia política e organizativa da clase obreira en defensa dos seus intereses obxectivos. En consecuencia, tamén entendemos a necesidade histórica da emancipación das mulleres traballadoras.
O NOSO PROGRAMA
- Traballo para todos/as e carestía da vida: A clase obreira queremos vivir dignamente.
- Vivenda para todos: Os/as proletarios/as queremos ter unha vivenda digna.
- Emancipación das mulleres traballadoras: As obreiras queremos igualdade real.
- A cuestión LGTB: Tamén somos clase obreira, dereito a vivir en paz.
- Auxe reaccionario: Contra o fascismo e o auxe reaccionario, piares do Réxime.
- Rearme do imperialismo: Contra a guerra entre pobos e pola saída da UE e da OTAN.
- Represión do Estado: Queremos liberdades políticas plenas, liberdade para os/as presos/as políticos/as.
- Cultura revolucionaria e antifascista: Faise máis necesario ca nunca crear un ecosistema propio á marxe da burguesía.
VIVIR SIGNIFICA TOMAR PARTIDO
Non hai tempo para a indecisión e a equidistancia. O Proceso de Unidade Comunista continúa e todos e todas somos necesarios, na fábrica, nos barrios e en cada fronte de loita. Abonda xa de dispersión política e organizativa, abonda xa de segmentar as loitas ata facelas insignificantes para o inimigo de clase. O noso único deber como proletariado consciente é articularnos ao mesmo nivel en que se articula a burguesía. Crear organizacións populares, crear organizacións de combate, crear as organizacións do proletariado á marxe das institucións e da pequena burguesía. É o noso deber histórico e debemos estar á altura.
¡Sumémonos todos e todas a un Proceso de Unidade Comunista!