Proceso de Unidade Comunista
Durante demasiado tempo, o movemento comunista conviviu cunha realidade que non podemos normalizar: fragmentación, dispersión de forzas, organizacións que camiñan en paralelo e debates que demasiadas veces terminan encerrados dentro das nosas propias estruturas.
Fronte a esta situación, en setembro de 2026 demos un paso que merece ser reivindicado: Iniciativa Comunista e Red Roja (Madrid e Barcelona) celebramos o noso Congreso de Unidade e decidimos construír unha organización común: o Proceso de Unidade Comunista (PUC). Supón un pequeno paso adiante para o movemento comunista: dúas organizacións con traxectorias diferentes decidimos poñer en común a nosa experiencia, superar dinámicas de separación e comezar a camiñar xuntas.
QUEN SOMOS?
Somos dúas organizacións comunistas, IC e RR (Madrid e Barcelona), que decidimos unir as nosas forzas para demostrar, na práctica, que é posible superar a fragmentación do movemento comunista e avanzar cara á unidade. Queremos facer do PUC un espazo que contribúa a impulsar ese proceso e unha experiencia que poida servir de referencia para outras comunistas.
Situámonos no marxismo-leninismo, defendemos a independencia política da clase traballadora, o internacionalismo e a loita revolucionaria contra o capitalismo e o imperialismo. Pero estes principios non poden quedar unicamente en declaracións. Deben conformar unha práctica política: organización, teoría e práctica.
Porque unha organización comunista non pode construírse á marxe da súa clase. Consideramos fundamental intervir nos seus conflitos, aprender deles e continuar desenvolvendo unha política capaz de transformar esa experiencia en solidariedade, conciencia e organización.
DE ONDE VIMOS?
IC e RR (Madrid e Barcelona) partían de experiencias distintas, pero compartían preocupacións fundamentais: a necesidade de superar a fragmentación comunista, recuperar a centralidade da clase traballadora, intervir nas súas loitas e avanzar cara á construción dun Partido Comunista capaz de estar á altura desas tarefas.
O achegamento comezou na práctica: compartindo espazos de loita, desenvolvendo traballo conxunto, debatendo e comprobando sobre o terreo que poderiamos facer xuntas. Ese proceso tamén puxo sobre a mesa diferenzas e debates. Pero precisamente o traballo compartido continuado permitiu abordalos doutra maneira: non desde a distancia, senón desde a necesidade concreta de avanzar.
Así chegamos ao Congreso de Unidade de setembro de 2026. Non porque deixaramos de ter diferenzas, senón porque chegamos a unha conclusión sinxela: xuntas podemos facer máis que separadas.
QUE QUEREMOS?
O noso obxectivo é contribuír á construción do Partido Comunista que necesita a nosa clase para a súa emancipación.
Non cremos que este Partido poida xurdir dunha autoproclamación nin da simple unión administrativa de organizacións. Tampouco cremos que abonde con esperar a que aparezan unhas condicións ideais. A tarefa pasa por crear esas condicións mediante o reagrupamento dos comunistas, a construción de organización e a intervención política no movemento da nosa clase.
Por iso entendemos o PUC como unha ferramenta para avanzar simultaneamente en dúas tarefas inseparables: afondar na unidade dos comunistas e seguir desenvolvendo unha liña de masas capaz de vincular a nosa organización cos conflitos, necesidades e loitas reais da clase traballadora.
CARA A ONDE IMOS?
Non queremos quedar mirando o conseguido. Queremos sumar forzas, organizar e avanzar. Para iso, é esencial ser partícipes dos conflitos que atravesan a nosa clase e os pobos oprimidos, formar militantes, fortalecer a nosa capacidade de intervención e aprender da práctica e das compañeiras de loita.
E queremos facelo con outras. O PUC nace coa vontade de atoparse con outras organizacións comunistas e con comunistas que aínda non atoparon onde organizarse. Non ofrecemos un camiño rematado. Ofrecemos un espazo desde o que empezar a percorrelo xuntas.
Estamos dispostas a debater, a confrontar posicións, a equivocarnos e rectificar, aprender dos erros do pasado e superar o derrotismo. E, se é necesario, tamén a deixar atrás as nosas propias siglas. Porque se a unidade comunista é unha necesidade, merece algo máis que discursos: merece que nos poñamos ao choio.
O Congreso de Unidade foi un pequeno paso. Agora toca convertelo en movemento.
