Comunicados3 min de lectura

Folga Xeral: Construamos unidade de clase e hexemonía proletaria

Este 11 de novembro está convocada unha Folga Xeral, a primeira de ámbito estatal desde 2012. Esta folga foi convocada nun contexto de empobrecemento acelerado da clase obreira.

Este 11 de novembro está convocada unha Folga Xeral, a primeira de ámbito estatal desde 2012. Esta folga foi convocada nun contexto de empobrecemento acelerado da clase obreira: o prezo da vivenda, tanto en alugueiro como en propiedade, disparouse ata cifras insostibles e a perda de salario real e o encarecemento da vida son cada vez maiores. Mentres as empresas baten récords de beneficios e o goberno de PSOE-Sumar se vangloria do crecemento económico, o salario da clase traballadora é diezmado polo bloqueo patronal ás subas e o Estado reprime ferozmente a loita por unhas mellores condicións de traballo. Aínda que o problema da vivenda fose o detonante, hai razóns máis que suficientes para secundar unha folga xeral.

Porén, para a burocracia sindical, a Folga Xeral non é máis ca un acto de campaña dentro da estratexia electoralista orientada a canalizar todas as demandas xurdidas das últimas protestas cara á reválida nas urnas dun novo goberno do PSOE baixo o pretexto de superar o bloqueo parlamentario imposto pola dereita. Por outra banda, o movemento pola vivenda deu conta de que necesita fusionarse co movemento obreiro para vencer. A necesidade de ir máis alá dos decretos lanzados polo goberno puxo sobre a mesa a necesidade de organizar formas de loita superiores á mera manifestación, ao marco activista.

Entón, como comunistas preguntámonos: quedamos á marxe polo carácter reformista e o oportunismo electoralista das mobilizacións, ou traballamos por construír unha hexemonía proletaria coa que poder loitar pola transformación revolucionaria da sociedade? A resposta é clara. Debemos orientar os obxectivos desta folga a construír desde a base un movemento obreiro independente que rompa cos límites da concertación social do reformismo. O proletariado non debe ir á zaga doutras direccións, debe conquistar a súa posición política independente. É por iso que para nós a folga non é un fin en si mesmo, é ante todo unha escola de guerra onde o proletariado, a través da experiencia da loita, eleva a súa conciencia de clase.

A organización do proletariado desde os centros produtivos permitirá dinamizar un movemento obreiro hoxe feble e desestruturado e atacar desde o núcleo da súa explotación de clase o resto das esferas da vida social. A construción da hexemonía proletaria mobilizará capas máis amplas do proletariado, incorporándoas á loita e elevando a súa conciencia. A hexemonía proletaria será o alicerce sobre o que construír o Partido Comunista como órgano superior de loita da clase obreira.

A unidade comunista xoga aquí un papel fundamental. Non é posible acadar éxito nos obxectivos anteriormente descritos sen un traballo conxunto, abandonando divisións estériles e pelexas sectarias entre siglas. Sen unha unidade comunista non poderemos construír unha dirección política revolucionaria á altura das necesidades da nosa clase; sen un traballo estreito xunto á nosa clase nos centros de traballo. A hexemonía proletaria e a unidade comunista son dúas caras dunha mesma tarefa estratéxica: reconstituír tanto a capacidade de loita independente da clase obreira como a súa dirección política revolucionaria.

Folga Xeral pola organización do movemento obreiro! Construamos hexemonía proletaria!

Organización

Construír a Unidade. Construír o Partido.